18.6.12

Nace LEGA, unha plataforma dixital para xogar en galego

A iniciativa, posta en marcha por GalegoLab, preséntase o xoves 21 de xuño en Santiago // Xabier Seixo, engargado de desenvolvela falou en Radio Obradoiro deste proxecto que ofrece recursos 

 Este xoves botará a andar LEGA (Lecer galego), unha plataforma que porá a disposición da xente recursos lúdicos dixitais  en galego onde a presenza do idioma sexa escasa. Xabier Seixo, encargado de desenvolver o proxecto, explicou que con esta iniciativa "non pretendemos sustituir a ninguén, senón incentivar que se desenvolvan actividades no noso idioma, tanto na sociedade civil como na empresa privada".

O proxecto naceu de GalegoLab, unha asociación cultural que promove o uso da lingua. A súa principal ferramenta é galegolab.org, unha web que aposta polo crowdsourcing, é dicir, pola "colaboración entre persoas que de xeito voluntario desenvolven unha proposta". LEGA, é segundo dixo, "un paso máis, porque se amplían eses proxectos. Xa non son particulares senón a asociación quen desenvolve os contidos da plataforma".
LEGA ofrece apartados como Galegogym, que permite acceder a tablas de fitness e ximnasia con música en Creative Commons, ou 'Astronomía básica',  un recurso orientado a afeccionados á astronomía,  feito en colaboración cun proxecto nacido na USC. As propostas complétanse coa tradución de varios xogos de ordenador e o subtitulado ao galego dunha curtametraxe. Seixo fixo fincapé en que o seu uso é libre e gratuíto e explicou que "temos na recámara máis contidos que iremos engadindo, sobre todo no mundo dos videoxogos".
A presentación de LEGA será este xoves 21 ás 11.30 horas na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela.