Amosando publicacións coa etiqueta neofalantes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta neofalantes. Amosar todas as publicacións

29.11.16

Proxecto apego

Apego vai dirixido, ás familias que estanse a preparar para a chegada dun novo membro e tamén ás que teñen nenos e nenas ata 6 anos. Queren axudar á socialización en galego e propoñen o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura do voso fillo ou da vosa filla. A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubrir o mundo. 


http://apego.gal/
 

9.3.12

Un micro para o neofalante

Radio Burela comeza o programa ‘Proxecto Neo’ realizado polo equipo de Innovación do IES Perdouro

A radio local de Burela inclúe un novo programa semanal os mércores de 17 a 18 horas. Realizado polo equipo da Área de Innovación Educativa do IES Perdouro de Burela.


Proxecto NEO é o resultado da colaboración entre a área de Innovación Educativa do IES Perdouro e Radio Burela. Bernardo Penabade, docente no centro educativo de Burela será o director e condutor do novo programa. Penabade describe o espazo como o lugar no que se lle vai dar voz protagonista ós neofalantes, que son as persoas que se incorporaron á nosa cultura e que lle dan tanta vitalidade como os que a adquiriron na infancia, manifestan. No concello burelés, din dende o equipo de Proxecto Neo, é facil atopar exemplos de neofalantes “son persoas que viñeron de Valladolid, de Asturias, de Andalucía ou de Madrid, ou que viñeron de diversos países do mundo e chegaron aquí á Mariña e se integraron perfectamente“, comenta Bernardo Penabade. Tamén se inclúen neste grupo as persoas prodecentes das grandes cidades galegas e que foi cando chegaron a Burela cando se comezaron a desenvolver totalmente no idioma galego.

4.4.11

Por que hablas gallego? Por que o preguntas?

Unha nova campaña da CENDL para intentar rematar cos prexuíxos lingüísticos

Por que falas galego? E para que? Para que che serve? Pero porque te empeñas en seguir falándoo? Ademais, que galego falas? Ese inventado? Ou o bruto, da aldea?...


Os galegofalantes teñen que escoitar preguntas deste tipo, que non só fan os castelanfalantes, senón toda unha sociedade comesta polos prexuízos, e que levan á discriminación dos galegofalantes e a fecharlle as portas do idioma ao resto dos cidadáns. Mudar as imaxes negativas que existen sobre a nosa lingua é algo clave para avanzar na súa normalización.

Abrimos este espazo para darlle forma a esta iniciativa que se vai ir xestando pouco a pouco e que se irá enchendo de contidos. Polo de agora, compilamos algúns recursos e experiencias arredor desta temática, materiais que irán aumentando na medida que nos fagades chegar todos aqueles que tedes elaborado nos vosos respectivos centros. Neste primeiro momento lanzamos unha campaña para provocar a reflexión sobre un dos prexuízos máis presentes cara á nosa lingua, o que se recolle no adhesivo que elaborou o debuxante Fran Bueno.

1.4.11

Yo te soy...

Carta de X. Touriñán en homenaxe a Xosé Neira Vilas no 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego


A todos os nenos e nenas que falan galego

JONATHAN. Un chaval da segunda fase de Elviña. Te soy buen pavo, aunque te estoy chinao porque mi puril está sin curro, fue el puril de Chinín que lo echó, que es un julai, que es el encargado de la Refinería. El Chinín se va de guay y es un kie y ya te tuvimos movida.

No verán pillo la runner y me voy de rule. Me china mazo ter que llevar el casco bajado neno! Me ergo para papear cos puriles ás dúas ou tres da tarde e despois me chimpo del kel para xuntarme cos meus colegas e facer botellón. Cando me piro pal kel dóeme o lombo e as pernas. E a noite acaba. Sede, sol, petardos...

No inverno mazo frío. Paramos mogollón no centro social. Futbolín, fatasmadas de churis e jas. Un plumas do trinque de Pull&Bear. Hamburguesas, patatas fritas, Coca-Cola.

Que saben disto os nenos de aldea!

Hablando de aldea voy intentar escribir en galego por un rollo flipante que me pasó.
O mes pasado fun para aldea porque morreu o meu abuelo/avó Balbino. Como di miña nai "morreu porque estaba de Deus", pero eu creo que morreu de vello. Tivemos que ir ao enterro e había unha chea de xente, non sei por que, no sei que fixo, igual saíu na tele, no Luar, e eu non me enterei; pero coñecíao moita xente. Alí, no enterro, había xente de Santiago, de Coruña, de Ribadeo, de Betanzos, de Pontevedra, de Cangas, de Ferrol, de Vigo, de Monforte, de Lugo, de Ourense, de Lalín, de Dusseldorf, de Vimianzo, de Londres, de Girona, de Allariz; había xente de Buenos Aires e tamén de Burgos, de Montevideo, de Donostia, de Pobra de Trives; había xente de Nova York, de Carral, de Sada, de Boston, de Viveiro e de Bilbao, de Tarragona, de Foz, de Manchester e de Múnic; xente de moi lonxe e xente de aí ao lado, moita, moitísima xente, e de moitísimos sitos. El sempre dicía que lle tería gustado andar mundo; pero o mundo veu ao seu enterro.

Entre a xente que veu ao seu enterro a darnos o pésame había un tal Francisco, tiña acento sudamericano, e dixo que era fillo dun tal Lelo. Deume un feixe de cartas da correspondencia entre meu avó e meu pai, que aínda non lin. Pero o que si me deu tempo a ler foi o caderno que me entregou un home moi vello, un tal señor Alberte Landeiro. O caderno poñía "Memorias" e disque fora escrito polo meu avó.

Rematei de lelo e quedei "flipado". Por iso escribo isto en galego, polo meu avó; porque nunca pensei que aquel home que vivía só na aldea, despois de morrer miña avoa, e que tiña dúas vacas, fose tan importante e que o quixese tanta xente. Para min era un señor que nos daba unha caixa de patacas e dúas leitugas cada domingo; como el dicía e escribiu, "un ninguén".

Flipo mazo con lo que me salió al escribir esta movida neno!!! Vos voy dicir un rollo: creo que meu abuelo está dentro mía!!!! Que desfase!!!! E agora escribo galego que flipas e mesta molando mogollón.

Por iso remato dicindo:

"Eu quero ser un neno que fale galego"

recollido de Cartas a Balbino. Homenaxe a Xosé Neira Vilas. X. Touriñán.





4.3.11

NEOFALANTES

Gústanos a xente neofalante do galego

Animaste?