Premios inventa en galego 2017
BiciCoruña, a creación do IES Menéndez Pidal que se fixo co
primeiro premio desta terceira edición de Inventa en Galego, é unha app
que mostra as paradas de bicicleta da cidade herculina, sinala a súa
situación nun mapa e dá información da ocupación dos postos de bici en
tempo real. Ademais, permite acceder directamente ás paradas
seleccionadas como favoritas.
O IES de Culleredo obtivo o segundo premio por un conxunto de sete
aplicacións. Unha delas, “Auxilia2”, céntrase nos primeiros auxilios e
preséntase como unha app “coa que poderás salvar máis dunha vida”. A ela
súmanse “Actividades alternativas”, centrada nas propostas de ocio que
ofrece a cidade da Coruña, e 5 aplicacións relacionadas coa localidade
de Culleredo: “Estudonde”, app educativa con información de colexios,
institutos, academias e bibliotecas da vila; “Goce Culleredo”, con
actividades didácticas ou de ocio; “Coffeeredo”, sobre bares e
cafeterías; “Cómete Culleredo”, destinada a fomentar o turismo e a
gastronomía, e “CulleSport”, que contén “todo o deporte de Culleredo
nunha app”.
Canto ao concurso Sensores para Todos, os premiados foron o IES Ramón
Menéndez Pidal da Coruña co proxecto “Con Science Journal”, o IES de
Brión con “Interpretación virtual interactiva”, o IES Ortigueira con
“Domótica e vivenda bioclimática”, o IES Concepción Arenal de Ferrol con
“Sensor de temperatura TMP36 de arduino1” e o IES Castro Alobre de
Vilagarcía de Arousa con “Máquina medidora da radiación ultravioleta”.