Oink! a única revista destinada a rapaces de 6 a 15 anos en galego
Neste mes de setembro xa está nos quioscos Oink!. A única revista galega destinada a rapaces
de entre 6 e 15 anos cun importante protagonismo do cómic nas súas
páxinas.
Segundo o seu director, Marcos Ferreira, Oink! é a revista «herdeira do espírito do Xabarín Club» que se presentou en agosto no Salón do Cómic da Coruña.
Ferreira explica que a revista
será mensual, con 56 páxinas «con contidos destinados a rapaces entre 6 e
15 anos, un franxa de idades nas que non hai oferta para os lectores
galegos». Nesas 56 páxinas están incluídas 17 de banda deseñada de
autores galegos, entre eles Miguelanxo Prado, Yolanda Sánchez Fidalgo,
Miguel Porto, Fernando Iglesias, Jacobo Fernández, Miguel Robledo, Pinto
& Chinto e Andrés Meixide, con Kiko da Silva como director de arte.
O prezo da revista será de 3 euros, «moi por debaixo do que ofrecen
revistas similares para un público como o que nós buscamos, unhas
revistas que están entre os 6 e os 8 euros», segundo apunta Ferreira, e
«ofrecendo un tamaño maior para unha lectura máis cómoda».
Aquela primeira xeración
A publicación nace como a revista
do Xabarín Club e, segundo o seu director, «quere recoller o que
significou ese programa para a primeira xeración que o viu e utilizalo
cos novos».
Unha das peculiaridades daquelas primeiras edicións do programa da TVG era o emprego de grupos musicais galegos. Oink!
ten previsto tamén publicar gravacións de grupos galegos. «Non
descartamos recuperar algún día a algún dos grupos daquela época, pero
agora a intención é aproveitar o talento novo e o que fará a revista é
lanzar gravacións de músicos novos», apunta o seu director. A
publicación espera vender de 10.000 a 15.000 exemplares.