A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un
novo e grave caso de discriminación contra o idioma galego na
Administración de Xustiza. Neste caso, unha demanda presentada en Vigo
ten a ameaza de ser rexeitada polo feito de estar escrita na lingua que o
Estatuto de Autonomía recoñece como “propia” e tamén “oficial” de
Galiza.
O presidente da entidade social en defensa do
galego, Carlos Callón, apunta que “non é a primeira vez que acontece
unha situación tan absurda e discriminatoria como esta” e reclama que
“as administracións implicadas abran dunha vez os ollos e tomen medidas,
porque xa está ben de racismo lingüístico, non podemos ser menos por
querer usar o noso idioma”. Por iso, desde A Mesa enviaranse cartas de
queixa á Xunta de Galiza, ao Goberno central, ao Consello Xeral do Poder
Xudicial e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Callón salienta ademais que “pedir
nin máis nin menos que unha tradución xurada parece feito para
escarnecer a lexítima e legal opción de usar o noso idioma ante a
administración de xustiza”. “Non pode ser que a administración que debe
velar polos nosos dereitos, tamén os nosos dereitos lingüísticos, sexa a
primeira en vulneralos”, conclúe.