O proxecto preséntase como unha iniciativa puntual, “trátase dun proxecto efémero, somos conscientes de que a nosa colaboración se limitará no tempo polos nosos outros traballos. Tocaremos en directo, faremos xira por teatros pero chegará un día no que nos despidamos para, quen sabe, quizais nalgún momento volver a atoparnos", lembran os compoñentes na presentación da iniciativa.
Os primeiros concertos de presentación foron o 8 de xuño no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e mais o 13 de xuño no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Teu nome por mar e terra
Música: Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández, Xosé Lois Romero.
Letra: Carlos Rivero Troncoso.
Quero cravar o teu nome
cunha navalla de lúa
nos outos muros da noite.
Nun pano cor de limón
pon o teu nome e no mar
ízao no mastro maior.
Vou escribilo na area
co tinteiro de alborada
para que o vexan as sereas.
Se o teu nome naufragase
ían saber a vainilla
as augas dos sete mares.
Con branco fío de seda
vouno bordar na bandeira
dunha nao que sae para Cuba.
Para Cuba non meu amor
quero que vaia o meu nome
para illa de Curaçao.