Do 23 ao 26 de maio
O mércores 23 comezou unha nova edición do Festival de Cans, que chega xa á súa novena edición. A cita coas palleiras e cos chimpíns na parroquia do Porriño consolídase coma un dos festivais máis veteranos do país. As nove da noite, os veciños de Cans dirixiranse á rotonda de Adroza para descubrir o xa mítico Can de Pedra, acto simbólico que dará comezo oficial ao Festival, cuxa programación non terá pausa ata o domingo.
Pero antes, ás 17:30, no Baixo de Moncho, comezarán a traballar os proxectores con Tralas Luces,
o documental de Sandra Sánchez que vén de gañar tres premios Mestre
Mateo (mellor longametraxe documental, mellor dirección e mellor
montaxe) e de participar na Sección Zabaltegi do Festival de Cine de San
Sebastián. Tralas Luces conta a viaxe de Lourdes, unha feirante que
percorre na súa caravana as estradas do norte de España coa súa familia e
coa súa pista de coches de choque ás costas. A directora, quen xa
estivera en Cans o ano pasado presentando o proxecto de ‘Tralas Luces’
ofrecerá ademáis unha escena inédita do filme, ‘Caracois’, na que o
público poderá comprobar como foi a relación que se estableceu entre a
realizadora e a famila de Lourdes, a protagonista do film, coa que
compartiu máis de nove meses de convivencia e máis de duascentas horas
de gravación. A seguir haberá un coloquio coa directora.
Contra o serán, terá lugar a presentación da Revista oficial do
Festival: CanZine, coa presenza dos seus directores Diego Giráldez e
Amparo Rodríguez. Do mesmo xeito, preséntase tamén 20 anos de Tranvía. O
Tranvía dixital, unha reedición en formato dixital desta mítica revista
porriñesa. Posteriormente proxectarase o avance do making of da edición
de 2011, O ano que saímos na CNN, dirixido por Carla Rivera, e
coñecerase o xurado desta edición, composto exclusivamente, por terceira
vez na historia do Festival, por veciños da parroquia.
Tomado de Dioivo