O audiovisual reivindícase como "estratéxico" e reclama as axudas ao talento nuns Mestre Mateo moi repartidos
A reivindicación do audiovisual como sector estratéxico, a esixencia de
que a Agadic convoque as axudas ao talento e a unidade profesional ante a
crise foron os lemas constantes nunha gala dos Mestre Mateo que, na súa
décima edición, quedou sen un claro triunfador ao repartir os premios
de forma case democrática. Doentes e Engurras, con cinco galardóns; Matalobos, con catro, e Tralas luces e Emilia Pardo Bazán. A Condesa Rebelde, con tres, foron as producións máis galardoadas dunha cerimonia presentada pola actriz María Castro e
que arrancou cun coro de nenos que, ao xeito de Oliver Twist,
presentaron as primeiras ironías contra a crise. “Coñeces onde podo
conseguir un traballo digno?”, “Non, eu traballo no audiovisual”,
dialogaron os cativos antes de cantar e diante as gargalladas do
público.