A situación actual é que o idioma que debería unirnos está sendo utilizado para separarnos nunha loita na que algunha xente busca a desaparición da nosa lingua do sistema educativo.
Neste contexto, e ante a enquisa que vai realizar a Xunta, pensamos que é necesario que os pais e nais lle fagan saber á Consellería de Educación algo que parece do máis lóxico: que queremos que os nosos fillos e fillas dominen as dúas linguas e que, por tanto, o galego sexa tamén lingua da aprendizaxe.
En Galicia temos dúas linguas e o sistema educativo debe conseguir que se dominen as dúas. A escola ten que garantir que os nenos/as saiban por igual galego e castelán. Hoxe en día, para moitos nenos/as a escola é o único lugar no que conviven co galego. Por iso, xa que o galego precisa espazos de uso, é fundamental que, cando menos, a metade das materias se impartan no noso idioma. Porque, todos estamos de acordo, as linguas apréndense usándoas.