12.11.14

25 anos de teatro nun documental



A Viaxe dos Chévere é un achegamento filmado ao traballo e á vida duns cómicos trillados polo asfalto, feito nos primeiros anos do s. XXI. A través dunha mirada moi persoal e poética, Alfonso Zarauza narra o desterro dunha compañía de teatro expulsada da súa cidade por un político corrupto e a súa loita de resistencia desde o territorio aínda ceibe do escenario. Unha película que fala da irracionalidade do poder e da cordura da arte, da volatilidade da acción política e da perdurabilidade do traballo creativo. Un filme que acredita na veracidade da ficción, nas illas flotantes, nos cabalos filósofos e nos cabarés nihilistas.
Durante varios meses, o cineasta e un reducido equipo acompañaron ao grupo Chévere no seu traballo diario, mentres elaboraban a Ultranoite no País dos Ananos, un musical estreado no concello de Teo que agora está xirando por Galicia. O resultado é unha película que trata de ser un documental sen deixar de ser un relato amargo pero esperanzador do tempo presente. Un proxecto no que o teatro e o cine van da man.