Aprobado por unanimidade polo parlamento galego o 21 de setembro de 2004 e que está totalmente paralizado desde marzo de 2009.
Mañá irá para dez anos que se adoptou no
Parlamento de Galicia unha desas medidas que demostran que existe iso
que se chama interese común, que non é o da maioría, senón o de todos.
Conservar a catedral de Santiago, a Torre de Hércules ou a Muralla de
Lugo é un beneficio xeral, e non unha imposición contra a potencialidade
turística de Ourense ou de Vigo. As diferencias poden ser sobre
técnicas ou métodos de defender o patrimonio histórico, non sobre o
obxectivo. Manter o idioma galego, que é outra produción cultural, pero
máis antiga ca esas, e máis irrepetible, o mesmo. Hai dez anos, todos os
representantes do pobo galego aparcaron as diferencias que os separaban
noutros aspectos, nalgúns de forma insalvable, e aprobaron por xunto e
de vez o plan de normalización. Catrocentas medidas que un cento de
especialistas en sociolingüística e noutras disciplinas consideraban as
axeitadas para conservar ese monumento que é o idioma propio de Galicia.