23.3.12

As orquestras de verbena son unha potencia cultural en Galicia

Facturan 28 millóns de euros ao ano e empregan a máis de 4.000 persoas

Aínda que a crise afecta tamén ás festas pola redución de días de celebración e de orzamentos, as orquestras galegas seguen sendo un sector moi importante na actividade cultural e do lecer en Galicia.
Un estudo realizado por un equipo de investigación da Universidade de Santiago (USC), conclúe que no ano 2010 os case 300 grupos musicais que forman este sector, facturaron ao redor de 28 millóns de euros e deron emprego a 4.000 persoas. As orquestras son unha singularidade que existe en Galicia proque ningunha outra comunidade do sector conta cun sector de tamaño similar. As máis grandes consiguen vender ata 7.000 discos ao ano, o que é unha auténtica barbaridade. Este informe do profesor Xaime Fandiño, apunta que grandes grupos como Panorama ou a París de Noia realizan máis de 200 actuacións cada ano e poden alcanzar un caché de ata 18.000 euros por actuación en temporada alta.
Orquestra Panorama actuando en Ordes nas festas do verán do 2009

Datos destacados do informe

Ao longo de 2010 os grupos e orquestras rexistrados en Galicia realizaron 5.743 actuacións que se repartiron en 2.387 verbenas.
Santiago é o concello onde se rexistraron máis actuacións (87). As provincias de A Coruña e Pontevedra son as máis verbeneiras con 1.746 e 1.401, respectivamente.
A orquestra Panorama encabeza o ranking de actuacións cun total de 178. Síguelle a París de Noia (154) e Marbella Lights Show (139).
O informe sinala que a formacións que máis se repite é a de dúo (38), seguida pola que contan con sete músicos (26), con dez (24). Só hai unha orquestra que conta con 16 membros e hai dúas que chegan ata os 15.