27.1.12

Xosé Manuel Seivane Ghaiteiro!!!

Seivane foi un dos precursores na modernización da gaita galega e o referente de toda unha familia de artesáns que se adica a este instrumento, símbolo da música do país.

Este 27 de xaneiro, aos 90 anos, morreu Xosé Manuel Seivane. Nado en 1921 na Pastoriza (Lugo), construíu a súa primeira gaita en 1939, nun pequeno taller deste recuncho da comarca da Terra Chá, creando así o primeiro selo “Seivane”. Aínda que xa era gaiteiro e clarinetista, cumpría así o seu soño infantil de facer o seu propio instrumento.

 O seu pai Francisco, un grande ebanista, e a súa nai Estrela, dotada dun marabilloso oído musical, achegáronlle unhas bases moi sólidas para desenvolver toda a súa capacidade artesanal. Do seu pai herdou a técnica, ferramentas e as madeiras e da súa nai a sensibilidade musical, especialmente no que se refire á afinación e ton. Dela recibiu tamén as melodías de gaiteiros que xa desapareceran, como Curuxeiras, nado na Pastoriza.

Conseguiu reunir as condicións necesarias para desenvolver a técnica construtiva dende un profundo sentimento musical. Nun primeiro momento, abastece unicamente os gaiteiros do seu ámbito, pero pronto ensanchará máis e máis o seu campo de acción ata superar os límites do Estado e converter o obradoiro en lugar de peregrinación de gaiteiros e amantes da música tradicional de Galicia.


Os seus fillos, Álvaro e Xosé Manuel seguen os seus pasos dende moi nenos da mesma forma que lle acontecera a el con respecto ao seu pai. Ao seu lado van recibindo os pequenos segredos do traballo diario, os que xorden co tacto diario da madeira, así como a capacidade para recordar o son ao escoitalo, impregnándose para sempre do timbre da marca Seivane.

No ano 1972, Álvaro trasládase a Barcelona, por motivos de estudos, e acaba creando alí outro obradoiro a imaxe e semellanza do do seu pai. En 1986 decide regresar a Galicia para continuar o seu traballo aquí, o que anima a todos a unirse de novo. En 1994 toda a experiencia adquirida por cada un deles se fonde para formar, en Cambre (A Coruña), o actual Obradoiro de Gaitas Seivane.
Reportaxe ANT Tv hai dous anos: