23.1.12

Historias

Ruxe Ruxe. Comercial
Antón leva un ano desempregado, o mesmo tempo que desde que rematou a carreira. Cando ten oportunidade, blasfema sobre a crise. De rematar antes, talvez hoxe sería diferente. Tirou con proveito os estudos: non foi o mellor, mais o seu expediente é brillante. Neste ano, aínda está a agardar a chamada do servizo de emprego para lle ofrecer algo que se adapte aos seus estudos. Percorreu todas e cada unha das empresas que podían precisar alguén coma el. Deixoulles o seu currículo. Un tempo despois, volveu deixarlles o currículo. Así até catro veces. Cando rematou as expectativas de contratación, redactou un outro, onde relacionaba os pequenos choios que tivo mentres estudaba e comezou a abrir o abano de posibilidades. Desta vez, o currículo redactouno en castelán: talvez para aparentar neutro, convenceuse.