26.11.11

PREMIOS XOAN MANUEL PINTOS «O futuro do galego depende moito da nosa capacidade de resistencia»

Premio á CGENDL



''Este premio dános alento para continuar co noso labor''.  Belén Escariz e Rubén Rivas agradecían desta maneira, onte, en  Pontevedra, o premio Xoán Manuel Pintos que este ano foi a parar á  Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. Despois  citaron o texto que saíu da asemblea da coordinadora este ano, no que se  facía fincapé na resistencia como valor fundamental dun traballo de  defensa do idioma. ''Debemos esforzarnos por manter a esperanza. O  futuro do galego depende moito da nosa capacidade de resistencia. Cómpre  non quedar na crise e no lamento. Resistir ten que ser avanzar''.


A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística  foi merecedora do premio Xoán Manuel Pintos 2011 na categoría de  traxectoria recente, mentres a Aula Castelao de Filosofía o foi na de  toda unha traxectoria a prol da lingua. Ámbalas dúas institución  recibiron os seus respectivos recoñecementos nun acto que tivo lugar  onte á noite no Pazo de Mugartegui. Os premios Xoán Manuel Pintos, que  recoñecen o compromiso coa defensa da lingua galega realizado por  persoas ou institucións, están convocados polo Concello de Pontevedra a  Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) e non ten dotación económica.

Carlos Calviño

 No nome da Aula Castelao, recolleu o galardón o seu  coordinador, Carlos Calviño, que lembrou que entre os obxectivos  fundacionais da institución estaba a defensa dunha serie de principios  dende un compromiso irrenunciable a prol da lingua galega. ''A  galeguización da sociedade estaba entre os nosos obxectivos primeiros'',  explicou.