2.11.11

A Cociña Galega con Cunqueiro: 10.000 libros e pratos en homenaxe ao noso gran escritor

A gastronomía é un compoñente básico da cultura e da identidade de Galicia e un dos elementos polos que máis se identifica a Galicia no exterior. Debémoslle parte desa sona, da idea dunha ‘gastronomía galega’, a Don Álvaro Cunqueiro, un dos escritores máis senlleiros de Galicia e, sen dúbida, un dos grandes cumios literarios do noso país. 2011 é o centenario do seu nacemento, e o Consello da Cultura Galega está realizando numerosas actividades para difundir a súa obra. 


 Cunqueiro é o autor das páxinas máis brillantes sobre a gastronomía galega; a nosa visión sobre o acervo tradicional de pratos, produtos e viños non se pode comprender sen a súa visión lúcida e enciclopédica. Aínda hoxe, seguimos citando a Cunqueiro como a referencia básica para definir aos produtos mantra do país, desde o albariño ata a lamprea, desde o pan ata as carnes de caza. Cunqueiro merecía unha homenaxe da gastronomía galega, unha homenaxe que fose máis alá dun acto testemuñal nun salón de actos. Merecía que en toda Galicia, os cociñeiros cociñaran e os clientes probaran os pratos que Álvaro Cunqueiro amou: pratos que son partes dunha riquísima e ancestral tradición gastronómica de Galicia. Esa é a mellor homenaxe.