19.6.17

A App ‘Bicicoruña’ do IES Ramón Menéndez Pidal faise coa terceira edición do premio inventa en galego

Premios inventa en galego 2017

BiciCoruña, a creación do IES Menéndez Pidal que se fixo co primeiro premio desta terceira edición de Inventa en Galego, é unha app que mostra as paradas de bicicleta da cidade herculina, sinala a súa situación nun mapa e dá información da ocupación dos postos de bici en tempo real. Ademais, permite acceder directamente ás paradas seleccionadas como favoritas.

O IES de Culleredo obtivo o segundo premio por un conxunto de sete aplicacións. Unha delas, “Auxilia2”, céntrase nos primeiros auxilios e preséntase como unha app “coa que poderás salvar máis dunha vida”. A ela súmanse “Actividades alternativas”, centrada nas propostas de ocio que ofrece a cidade da Coruña, e 5 aplicacións relacionadas coa localidade de Culleredo: “Estudonde”, app educativa con información de colexios, institutos, academias e bibliotecas da vila; “Goce Culleredo”, con actividades didácticas ou de ocio; “Coffeeredo”, sobre bares e cafeterías; “Cómete Culleredo”, destinada a fomentar o turismo e a gastronomía, e “CulleSport”, que contén “todo o deporte de Culleredo nunha app”.
Canto ao concurso Sensores para Todos, os premiados foron o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña co proxecto “Con Science Journal”, o IES de Brión con “Interpretación virtual interactiva”, o IES Ortigueira con “Domótica e vivenda bioclimática”, o IES Concepción Arenal de Ferrol con “Sensor de temperatura TMP36 de arduino1” e o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa con “Máquina medidora da radiación ultravioleta”.