21.2.15

O novo galego será neofalante, ou non será

preme nas imaxes

Cada 21 de febreiro celébrase en todo o mundo o Día da lingua materna, proclamado pola UNESCO en 1999, coincidindo coa data en que en 1952 a policía e mais o exército paquistaní abriron fogo contra unha multitude de falantes bengalís que se manifestaba polos seus dereitos lingüísticos, vinte anos antes da independencia de Bangladesh, na súa capital Dhaka. Defendían a súa lingua materna, a primeira, a que aprendemos desde ben pequeniños.


No noso país, en 2015, sesenta e tres anos despois, a lingua galega é a máis falada, pero segundo os últimos datos sobre o uso do noso idioma estamos asistindo á súa substitución como lingua materna maioritaria, rompéndose a cadea de transmisión interxeracional, e provocando deste xeito a maior ameaza da historia para a súa supervivencia.


Tecnicamente pódese expresar dicindo que, a cada ano que pasa, temos menos paleofalantes, que son as persoas que falan unha lingua desde que naceron. Pola contra, a quen se instalan nun idioma na idade adulta, chámaselles neofalantes.