11.3.14

Rosa de dous aromas

Dirixida por Lino Braxe. Estreo no Ágora o venres 14 de marzo ás 20:30


Dúas mulleres reunidas na sala de espera dun cárcere dá inicio a esa obra que, baixo a dirección de Lino Braxe, recrea a historia de dúas estrañas que comezan a relacionarse cando descobren que visitan o mesmo home.
Rosa de dous aromas é unha das obras máis coñecidas do escritor mexicano Emilio Carballido, morto no ano 2008 despois de 82 anos de vida e unha extensa produción literaria.
Esta obra trata de dúas mulleres e os conflitos que xorden entre elas no interior dun cárcere. A adaptación que se presenta é unha visión do teatro como vehículo que achega o ser humano á súa identidade, tal e como expresaba o propio dramaturgo mexicano.
Rosa de dous aromas retrata a realidade do amor mal entendido, a necesidade e a obsesión que ás veces os seres humanos exhiben cando se senten namorados. Pon de manifesto que aínda que a cordura e a razón ditaminen que abandonar a ese home é o que se debe facer, moitas veces o camiño escollido é outro. As xustificacións abundan: os nenos, o medo á soidade, a dependencia económica. Mil e unhas escusas para non facer o que se debe facer. Esta é a ruta que transitan Marlén e Gabriela, as nosas protagonistas, aínda que se dará a coñecer a verdadeira intención do destino que uniu a estas mulleres.
Teatro en feminino, cunha repartición artística e técnico de luxo, que lle permitirá ao espectador internarse no complexo mundo dos sentimentos das mulleres.

FICHA TÉCNICA 
REPARTICIÓN: Isabel Blanco e Sabela Hermida
AUTOR: Emilio Carballido
TRADUCIÓN E ADAPTACIÓN: Lino Braxe
DIRECCIÓN: Espazo escénico Sara Pena e dirección Lino Braxe