4.2.14

Tempos novos cumpre o seu número 200

17 anos de xornalismo en galego

A aventura editorial de Tempos Novos está a piques de cumprir 17 anos de vida. Mes a mes, sen cortes, ata sumar 200 números. Punto e seguido. Porque a súa ambición é a da permanencia. Non só para sobrevivir a contracorrente, senón tamén e sobre todo para vivir e disfrutar un espazo de liberdade e pensamento crítico, nun país onde os medios de comunicación tradicionais teñen vocación de estupefaciente. Con humildade, pero con tesón. Sen que nos condicione nada que non sexan as nosas propias limitacións, como quedou refrendado na acta e nos principios do manifesto fundacional en 1997. Para andar a gatas xa abondan os que o fan. Nós non.
Non é Tempos Novos un kamikaze mediático. Sería suicida. Tampouco é unha publicación mesiánica -a liberdade e o compromiso cívico son unha aposta laica-. Foi, é e seguirá sendo un  desafío político e social, ético e profesional, pola verdade informativa, pola opinión plural, polo coñecemento.
Asi o entenderon os 150 accionistas/fundadores, persoas de variada extracción ideolóxica e social, cuxa onomástica volvemos facer pública cando iniciamos unha nova etapa, nun exercicio de transparencia ó que teñen dereito todos e cada un dos nosos/as lectores/as.

http://temposdixital.com/td/tecnoloxia/01/200-meses-marcando-a-diferenza/

Nova etapa, novas ideas

Non temos un empresario detrás, nin tampouco interesados patrocinadores que en tempos de crise como os actuais nos saquen as castañas do lume, a cambio naturalmente de teren dereito de pernada sobre contidos e enfoques. Resistimos e vivimos grazas ós lectores e lectoras, que son o sustento básico da revista. Con apreturas, certo, ó desaparecer cuase totalmente a publicidade comercial e estarmos discriminados pola publicidade institucional. Pero co complemento -todo un plus de valor engadido- que aportaron e seguirán aportando centos de colaboradores e colaboradoras, analistas e articulistas, que son en moitos casos unha referencia imprescindible entre os creadores de opinión máis lúcidos, comprometidos e intelectualmente honestos do país.
Con eles iniciamos unha nova etapa, que ten no retorno da cabeceira orixinal á portada deste número 200, e ás que o sigan, a súa máis visual e simbólica constatación.
Reforzaremos a oferta de contidos creando novas seccións e suplementos, ampliando e diversificando o xa de por si amplísimo rexistro de voces, e especializando ámbitos temáticos ligados ás tensións do mundo de hoxe e a canto está minando a nosa capacidade de resistencia colectiva e persoal: os nosos dereitos fundamentais, o estado de benestar, o noso potencial económico, o territorio construído, a cultura e a lingua que a significa no caudaloso mar da globalización, o noso autogoberno.
Non somos nin debemos ser neutrais na defensa desas causas cívicas. Si imparciais á hora de exercermos a interpretación, a análise e a crítica de canto as destrúe ou esclaviza. Un contrapoder, en definitiva.

Multiplicar subscricións e lectores

 Todo iso cun moi alto custo que só a multiplicación de subscritores e lectores pode soster: manter esa liña comporta asumir como inevitable a discriminación que seguirá sufrindo TN por parte dos poderes fácticos. Velaí a necesidade de facer un chamamento público con ese propósito multiplicador.
Para seguirmos marcando a diferenza 17 anos máis. En galego, por suposto.