7.12.13

Johan Cruyff inaugura un campo de fútbol de herba artificial no Novo Mesoiro

Cofinanciado pola súa Fundación e o Concello coruñés

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, acompañou o venres 6 de decembro a Johan Cruyff na inauguración do "Cruyff Court de Novo Mesoiro", unha pista de fútbol de herba artificial que se habilitou grazas ao convenio de colaboración asinado polo Concello da Coruña coa Fundación Johan Cruyff.

O recinto, no que o Concello investiu 113.194,50 euros, é o primeiro destas características que se constrúe nun punto da xeografía española fóra de Cataluña e ten como obxectivo fomentar o deporte entre tódolos mozos no seu propio barrio. Preténdese reforzar o benestar físico e mental dos mozos mediante actividades de lecer, exercicio físico e deporte, estimulando á mocidade a practicar máis deporte en xeral e xogar máis ao fútbol en particular.

Está situado na rúa Ancares á beira do polideportivo de Novo Mesoiro, un barrio que se caracteriza por contar cunha poboación nova. De feito, forma parte do distrito con maior porcentaxe de menores de 14 anos. A través deste convenio, o Concello e a Fundación comprométense á organización dun mínimo de tres actividades anuais.