17.11.13

Publicada a primeira novela traducida do árabe ao galego

A xove marroquí criada en Galicia Fátima Tourari traduce para Rinoceronte Editora 'O edificio Yacoubian', de Alaa Al Aswany

A obra, ambientada en Exipto, sae á venda o venres 22 de novembro

En pleno corazón do Cairo, tralos muros do esplendoroso e decadente edificio Yacoubian, crúzanse a diario todo tipo de personaxes, coas súas debilidades e soños. Entre eles, Taha, o fillo do conserxe que cae nos brazos do islamismo tras ver frustradas as súas aspiracións a policía; Zaki Bei, un vello aristócrata nostálxico doutros tempos ou Hatem, un xornalista homosexual que se enfronta a un mundo cada vez máis intolerante. A través destes personaxes, o escritor egipcio Alaa Ao Aswany debuxa a sociedade egipcia actual en "O edificio Yacoubian", primeira novela que se traduce do árabe ao galego. A obra, da editorial canguesa Rinoceronte Editora, sae á venda o vindeiro venres.


"Decidimos publicar esta novela porque vén precedida dunha moi boa acolleita internacional, ao converterse na novela máis vendida en lingua árabe, traducida a máis de 30 idiomas e adaptada ao cine no ano 2006", explica Anxa Correa, portavoz da editorial. Ademais, o autor recibiu varios premios destacados por esta obra, como o Bashrahil de novela árabe, o Cavafi ou o Grinzane Cavour. "Pero sobre todo decidimos publicala pola súa calidade literaria, por achegarmos á realidade da sociedade exipcia contemporánea e tratar temas como a corrupción política, o auxe do fundamentalismo relixioso, as desigualdades sociais ou a ausencia de liberdade sexual, tan de actualidade", engade Correa.

Fátima Tourari, unha nova marroquí que se criou en Galicia, foi a encargada de realizar a tradución. As maiores complicacións, describe, atopounas en que "o árabe é un idioma moi rico en léxico e ten moitos máis matices que as linguas latinas". Ademais, engade, "hai certas cuestións que sen o seu contexto cultural, político, histórico e ata xurídico fanse un pouco difíciles de entender." Para resolver algúns destes obstáculos, a tradutora recorreu a notas ao pé de páxina. "Tamén procurei facer paralelismos entre as dúas culturas, non só para facilitar a comprensión, senón porque é como eu entendo a tradución, como unha ponte para a interculturalidade", explica.

Fátima é de Marrocos e nestes momentos reside en Barcelona, onde estuda Antropoloxía. Chegou a terras galegas porque o seu pai é mariñeiro e traballou primeiro en Canarias e logo en Galicia. "Cando tiña 15 anos os meus pais decidiron que xa era o momento de xuntar á familia e así cheguei a Cangas do Morrazo, que me cativou", recorda.

Aínda que esta é a primeira novela traducida do árabe ao galego, en poesía si hai antecedentes. Fai dous anos, o vigués Moncho Igrexas traduciu o poemario de Darwish, "Carné de identidade", publicado en Barbantesa.