8.3.12

Grandes praceiros no mercado municipal de Elviña

Alfombra vermella aos mellores

Xermán e Pili venden queixos e ovos no mercado de Elviña. Hai tres anos e medio herdaron o posto no que durante trinta anos traballou Mariluz, a nai de Pili. Teñen dous fillos e forman un matrimonio que sorrí á vida a pesar das dificultades. O luns pecharon o negocio, pediron permiso no cole dos nenos, e todos xuntos fóronse a Vilagarcía a recoller o premio Mellor Praceira 2011 concedido pola Xunta de Galicia. «Foron os clientes os que nos escolleron e iso é un gusto. Que che compren, queden satisfeitos e volvan... Estamos moi contentos», comenta Pili. Co diploma que lles entregaron no acto presidido polo presidente da Xunta chegaron onte ao seu posto do mercado. Esperábanlles os queixos do país e os ovos que venden a distintos prezos, desde os máis baratos, a 80 céntimos a ducia, aos de campionato, a 2,70. Pero ademais atopáronse cunha sorpresa inesperada que demostra o queridos que son Xermán Ferreiro Santos e Pili López Rivas. Os seus compañeiros de mercado colocáronlles unha alfombra vermella, unhas bandas ao estilo das estrelas do cine e ata anunciaron pola megafonía da praza o éxito de Pili e Xermán.
Outros vendedores de mercados coruñeses tamén foron distinguidos pola Xunta grazas aos votos dos clientes, entre eles, Manuel Freixo, froiteiro das Conchiñas; Encarnación Mourelle, carniceira de Monte Alto; Lourdes García, cun ultramarinos en Palavea; Mari Luz Penas, pescadeira de Ramón Cabanillas; Amparo Catoira, de San Agustín; Dores Souto, de Santa Lucía, e Marisol, froiteira en Oleiros.
Vía Pablo Portabales en La Voz de Galicia