7.12.11

Galeoke: anímate a cantar en galego nestas festas


Despois do café o avó toma a iniciativa,  o meu normalmente arrinca con esa que di así: “Quedaches de vir ás  nove, viñeches ás nove e media, ti pensas que esa é maneira de enganar a  unha morena…”, pero cada casa ten o seu estilo. No repertorio de  cantigas hai porén unha serie de grandes éxitos que non poden faltar  nunha celebración que se prece. Agora, un novidoso invento que podes  experimentar en primeira persoa no Culturgal está chamado a revolucionar  as sobremesas en moitos fogares galegos. Chámase Galeoke, o primeiro karaoke con cancións 100% galegas.



 Aitana é unha das responsables da iniciativa, obra de “cinco colegas” amantes da festa, fartos de ter que entoar hits de Lady Gaga ou Beyoncé. “Queremos cantar cousas que nos gustan”, afirma.


O Galeoke  é parecido ao coñecido videoxogo Sing Star da PlayStation, coa  diferencia de que no canto dos éxitos comerciais do momento en castelán  ou en inglés, neste karaoke enxebre todos os títulos son galegos. Polo  demais, o mecanismo do xogo é bastante similar: o obxectivo consiste en ser o mellor entoando.  Ao final da canción o Galeoke puntuará a túa actuación, determinando se  careces completamente de oído, ou se pola contra tes potencial de  estrela. “Non se trata de saber a canción, senón de facelo ben”, explica  Aitana.


Este Karaoke instálase no ordenador e é compatible con Mac, Windows e Linux.  Só precisas engadir un micro, e a festa está garantida. Ou polo menos  isto opina unha señora espontánea que se abalanza sobre un dos  micrófonos instalados no stand do Galeoke no Culturgal. “Con isto tes festa todo o ano. Cantan nenos, cantan fillos, cantan avós, cantan todos”. Iso si, prefire ir por libre antes que ter que seguir as liñas de entoación que amosa a interface do xogo.


O primeiro volume do Galeoke  presentouse o ano pasado, precisamente na Feira das Industrias Culturais  de Galicia, e “foi un éxito”. Aitana explica que o segundo estará á venda este Nadal, con 21 temas  que van desde a tradición á música máis contemporánea e entre os que se  atopan ‘O sancristán de Coimbra’ de Pilocha, ‘Quero josar’, de  Heredeiros da Crus, a ‘Xota de Ribeira de Piquín’ de Nova Galega de  Danza e ‘Calamar’ de The Homens. Se estás interesado/a en adquirir algún  dos volumes podes facelo en librerías e tendas de música por un prezo  que ronda os 20 euros.


Á hora de realizar a escolla dos temas é  fundamental que as cancións se poidan “galeokar”. A música acompáñase  cun videoclip, cando existe, ou no seu defecto cunha imaxe fixa do  grupo. O Galeoke destínase a todo tipo de público adulto, “desde  chavalada a señoras”, aínda que  os nenos son os que máis se  lanzaron a probar a experiencia no seu stand do Culturgal.