O 2 de febreiro celebrouse unha homenaxe no bar Borrazás da Coruña
Sabíamos que o Ano Pereiro ía dar lugar a situacións chocantes. E foi así dende o principio. O mércores a presentación na Coruña, no mítico Borrazás do Orzán, da fotobiografía sonora editada por Ouvirmos inaugurou dalgún xeito a xeira de homenaxes e encontros á que imos asistir neste 2011. E se Lois Pereiro é un homenaxeado fóra do canon, tamén o foi a presentación, concibida como festa de amigos e como concerto 'das músicas que lle gustaban a Lois', pero na que puidemos ver á plana maior da Consellaría de Cultura Roberto Varela, Juan Carlos Fasero e Francisco López-Barxas, sentados en primeira fila dun concerto punkie, entre versións de Joy Division e Radiocéano. A presenza institucional non impediu que a policía municipal se presentase en dúas ocasións durante a actuación, ameazando con cancelar o acto, ao parecer polas queixas polo ruído. Cousas do Ano Pereiro. As presentacións dos libros sobre Ramón Piñeiro non encheron os bares e tampouco recibían ameazas de peche.
Falouse máis do Lois persoa que do Lois poeta, se é que a separación é posible, e falouse moito do tempo de Lois e da cidade que era A Coruña daquela. Nun Luzes de Galicia de 1987 Xosé Antón Castro Fernández falaba dos oitenta como a década máxica deste país: "1980 foi unha data máxica para Galicia e hoxe, a seis anos de distancia, os resultados do clímax podémolos ver con máis agudeza, coa madurez dun camiño aínda sen percorrer certamente pero coa crenza firme de que todos os páramos están en cultivo". Algo se perdeu polo camiño, pode ser, dende a forza que emerxía de La Naval, Atlántica, Os Resentidos ou Radio Océano e quizais é na Coruña, entre aparcadoiros e recualificacións, onde máis se notou o bloqueo desa enerxía de asociacionismo e contracultura. Na súa intervención Xurxo Souto dixo que "ás veces A Coruña é unha cidade gris, aburrida, a cidade que paira nas augas mansas da triste calma provinciana, mais outras veces A Coruña sente o poder do mar do Orzán, actívase e recupera esa marabillosa condición natural de cidade barco. Unha cidade disposta a vivir cada día o abalo e o devalo das mareas, disposta a trasnoitar nas rompentes da bohemia, disposta a se comunicar cos máis afastados portos. Isto acontece cada vez que pronunciamos un nome, este nome: Lois Pereiro"
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/7108.html